Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 7 de xaneiro de 2020 Páx. 453

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 20 de novembro de 2019 pola que que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea e a formación das mulleres desempregadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR350A).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e de acordo coa Axenda 20 para o emprego e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

A Xunta de Galicia, no exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e logo da asunción de funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado no ámbito do traballo, do emprego e da formación, conforme os sucesivos reais decretos de transferencias, vén desenvolvendo un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas á xeración de novos postos de traballo e ao fomento da iniciativa emprendedora.

De acordo co disposto no Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro, e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e o artigo 25 do Decreto 141/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

A Xunta está a implementar a Axenda 20 para o emprego para impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento. Céntrase en tres retos: fomentar o emprego de calidade, reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas. O Goberno galego busca reforzar a atención especial que xa presta aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

No marco das políticas activas de emprego desenvolvidas pola Xunta de Galicia, os incentivos á contratación por conta allea configúranse como un instrumento para facilitar o acceso e a permanencia no emprego de grupos de traballadores con maiores dificultades e, pola súa vez, como unha ferramenta para fomentar a estabilidade laboral das novas contratacións e dos cadros de persoal das empresas galegas.

Na programación dos incentivos para o ano 2020, o colectivo feminino segue a ser un dos especialmente atendidos no conxunto dos incentivos á contratación por conta allea, co obxectivo de poñer á disposición das mulleres galegas medidas activas de política laboral que favorezan a súa inserción no mercado de traballo, a súa representación equilibrada en todas as profesións e sectores de actividade, así como unha maior participación na taxa de actividade e de ocupación, e que, pola súa vez, contribúan a reducir o diferencial da taxa de desemprego entre homes e mulleres.

Co dito fin, e para seguir incidindo na mellora da situación de emprego das mulleres galegas, no presente ano os incentivos á contratación por conta allea plásmanse nunha orde propia dirixida exclusivamente ao colectivo de mulleres, na súa consideración de colectivo beneficiario, incidindo en todas aquelas situacións que dificultan o seu acceso ao mercado laboral.

Xunto con estas medidas, e dada a necesaria complementariedade entre as actuacións da Administración autonómica e as de ámbito estatal cara ao logro da inserción da muller no mundo laboral, as axudas para o fomento do emprego da muller establecidas pola Xunta de Galicia son compatibles cos programas estatais de fomento do emprego aplicable a todo o Estado.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 31 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta allea, e que se terán en conta de xeito preferente as mulleres con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

A Comunidade Autónoma galega considera de importancia o retorno e a incorporación laboral da súa poboación no exterior, polo que nesta liña se pretende tamén chegar á poboación galega, laboralmente activa, que reside fóra de Galicia.

As bases dos programas regulados nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos para o ano 2020 no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e no disposto nesta orde.

O financiamento das axudas establecidas nesta orde de convocatoria desenvolverase con cargo aos fondos finalistas.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e ao Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Coa finalidade de facilitar a inserción laboral das mulleres desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras dos incentivos á súa contratación por conta allea, en réxime de concorrencia non competitiva, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

2. Por medio desta convocatoria as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea e a formación de mulleres desempregadas (código de procedemento TR350A).

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención á contratación indefinida inicial, á contratación temporal cunha duración inicial mínima de 12 meses, á transformación de contratos temporais en indefinidos que deberán ser a tempo completo e, no caso de contratos indefinidos a tempo parcial, será subvencionable o incremento de xornada que deberá acadar a xornada a tempo completo ordinaria ou a establecida no convenio colectivo de aplicación.

b) Bono de formación (opcional) dirixido ás mulleres contratadas por medio desta orde para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo, agás nos casos de incremento da xornada e transformación de contratos temporais a indefinidos.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos para o ano 2020, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e no disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. Se o orzamento establecido para esta axuda non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase, de acordo co establecido nesta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

2. No exercicio económico 2020, os incentivos para o financiamento dos incentivos establecidos nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.3 2018 00 085, cunha contía de 4.339.267 euros, fondos finalistas.

Estas contías están recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2019, e a súa concesión queda sometida á condición suspensiva da existencia do crédito para o ano 2020 adecuado e suficiente no momento da resolución. A concesión das subvencións estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nestes programas.

3. Este crédito poderá ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego.

4. Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase:

a) Muller desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación vinculada ao programa e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no momento da súa contratación.

b) Acción formativa: formación que se impartirá, ben con medios propios da entidade beneficiaria ou ben a través dunha entidade externa ou expertos, co obxecto de que a muller traballadora participante adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que vaia desenvolver na empresa participante no marco do programa.

c) Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

d) Emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de persoa galega retornada as persoas galegas e nadas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoa galega retornada os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nadas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de galega retornada son os seguintes:

– Ser galega e nada en Galicia.

– Acreditar ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

– Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculada a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

– Estar empadroada nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de emigrante retornada non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

e) Transformación de contratos temporais en indefinidos. Para os efectos desta orde, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos en que ambas as dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar ao día seguinte ao do termo da vixencia do contrato temporal, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

f) Taxa de estabilidade: a porcentaxe do persoal traballador fixo sobre o total do cadro de persoal, no mes da contratación pola cal se solicita a subvención, no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

g) Sectores estratéxicos: en particular, de acordo coa última actualización da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009), segundo o disposto no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, terán a consideración de sectores estratéxicos, para efectos desta convocatoria, os seguintes:

a. Silvicultura:

021 Silvicultura e outras actividades forestais.

022 Explotación da madeira.

023 Recolección de produtos silvestres, agás madeira.

024 Servizos de apoio á silvicultura.

b. Sector de transformación da madeira:

161 Serradura e cepilladura da madeira.

162 Fabricación de produtos de madeira, cortiza, cestaría e espartaría.

1621 Fabricación de chapas e taboleiros de madeira.

1622 Fabricación de solos de madeira ensamblados.

1623 Fabricación doutras estruturas de madeira e pezas de carpintaría e ebanistaría para a construción.

1624 Fabricación de envases e embalaxes de madeira.

1629 Fabricación doutros produtos de madeira; artículos de cortiza, cestaría e espartaría.

c. Fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores:

261 Fabricación de compoñentes electrónicos e circuítos de impresos ensamblados.

2611 Fabricación de compoñentes electrónicos.

2612 Fabricación de circuítos impresos ensamblados.

262 Fabricación de ordenadores e equipamentos periféricos.

263 Fabricación de equipamentos de telecomunicacións.

d. Sector automoción:

291 Fabricación de vehículos de motor.

292 Fabricación de carrozarías para vehículos de motor; fabricación de remolques e semirremolques.

293 Fabricación de compoñentes, pezas e accesorios para vehículos de motor.

e. Sector naval:

301 Construción naval.

f. Sector aeronáutico:

303 Construción aeronáutica e espacial e a súa maquinaria.

g. Fabricación de mobles:

310 Fabricación de mobles.

3101 Fabricación de mobles de oficina e de establecementos comerciais.

3102 Fabricación de mobles de cociña.

3103 Fabricación de colchóns.

3109 Fabricación doutros mobles.

h. Edición de programas informáticos.

5821 Edición de videoxogos.

5829 Edición doutros programas informáticos.

i. Telecomunicacións:

611 Telecomunicacións por cable.

612 Telecomunicacións sen fíos.

613 Telecomunicacións por satélite.

619 Outras actividades de telecomunicacións.

j. Actividades relacionadas coa informática.

620 Programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática.

6201 Actividades de programación informática.

6202 Actividades de consultoría informática.

6203 Xestión de recursos informáticos.

6209 Outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información e a informática.

631 Procesos de datos, hosting e actividades relacionadas; portais web.

6311 Proceso de datos, hosting e actividades relacionadas.

6312 Portais web.

9511 Reparación de ordenadores e equipamentos periféricos.

9512 Reparación de equipamentos de comunicación.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten mulleres desempregadas por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as empresas de inserción nin as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso agás que adquirira eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 7. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos-chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.

3. As solicitudes de axudas subvencionables polas contratacións indefinidas iniciais, as contratacións temporais dunha duración inicial mínima de 12 meses, as transformacións de contratos temporais en indefinidos e o incremento da xornada laboral realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. As solicitudes de axudas subvencionables polas contratacións indefinidas iniciais, as contratacións temporais cunha duración inicial mínima de 12 meses, as transformacións de contratos temporais en indefinidos e o incremento da xornada laboral realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán presentarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal, a transformación do contrato temporal en indefinido e o incremento da xornada laboral por que se solicita subvención. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

5. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2020, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

6. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal

7. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polas contratacións que se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego e Economía Social da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio.

3. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola cal se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o cal solicitou a axuda.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderá, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio.

2. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas no bono de contratación son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. As axudas previstas no bono de formación son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona, no caso das contratacións indefinidas iniciais, e o 80 % do custo salarial dunha anualidade correspondente ao contrato que se subvenciona, no caso dos contratacións temporais.

4. Tanto as axudas establecidas no bono de contratación como no bono de formación previstas nesta orde de convocatoria son incompatibles cos contratos para a formación e a aprendizaxe.

5. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

Sen prexuízo das obrigas establecidas con carácter específico para cada tipo de axuda, son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial, as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

e) Facillitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

f) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 18. Seguimento e control

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Secretaría Xeral de Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

2. A persoa solicitante das axudas e subvencións previstas nesta orde, no suposto de ter a condición de beneficiaria e para os efectos das actuacións de control das obrigas asumidas, autorizan a Consellería de Economía, Emprego e Industria para que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social poida facilitar a información sobre a situación de alta no sistema da Seguridade Social.

Artigo 19. Réxime de axudas

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e ao Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, non pode ser superior a 20.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

CAPÍTULO II

Programa de bono de contratación. Liña de axudas para incentivar
a contratación por conta allea

Artigo 20. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables

Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación:

Ás contratacións indefinidas iniciais, e as contratacións temporais cunha duración inicial mínima de 12 meses que se celebren desde o 1 de outubro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020 con mulleres desempregadas.

Ás transformacións en indefinidos de contratos temporais realizadas desde o 1 de outubro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020.

Aos incrementos de xornada ata acadar o 100 % da xornada ordinaria ou a establecida no convenio colectivo de aplicación nos contratos indefinidos a tempo parcial, que se realicen desde 1 de outubro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020.

Artigo 21. Requisitos

A contratación realizada coa muller desempregada pola cal se solicita a subvención ten que cumprir os seguintes requisitos:

1. No caso da contratación indefinida inicial ou a transformación de contrato temporal en indefinido:

a) A xornada da contratación indefinida inicial por conta allea deberá ser, para os efectos de ser subvencionada ao abeiro desta orde de convocatoria, a tempo completo.

b) Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola cal se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo e neto da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola cal se solicita subvención.

Como consecuencia da transformación do contrato temporal en indefinido ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da transformación pola cal se solicita subvención.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución do contrato de traballo durante o período de proba.

No caso de que nos tres meses anteriores á contratación ou transformación do contrato temporal en indefinido pola cal se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

2. No caso da contratación temporal cunha duración inicial mínima de 12 meses:

a) Todas as modalidades contractuais de carácter temporal, excluído o contrato para a formación e a aprendizaxe, que se realicen con mulleres desempregadas.

b) Os contratos temporais terán unha duración mínima inicial de 12 meses e serán a tempo completo.

c) Como consecuencia da contratación temporal que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes da contratación.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.

No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola cal se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

3. No caso da transformación do contrato temporal en indefinido:

a) No caso de transformacións de contratos temporais, a xornada do novo contrato indefinido será a tempo completo (excepto as transformacións de contratos temporais en indefinidos na súa modalidade de fixo-descontinuo, que poderá ter unha duración inferior á xornada a tempo completo en cómputo anual).

Non será subvencionable a transformación do contrato para a formación e a aprendizaxe en contrato indefinido.

b) Se a transformación se produce con anterioridade ao remate da duración inicial dun contrato temporal xa subvencionado, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado, reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

O cálculo da contía que se minorará da subvención que lle correspondería á transformación farase do seguinte xeito:

i. Divídese a subvención concedida polo contrato temporal entre o número de meses de duración deste contrato.

ii. Calcúlase o número de meses que falta para o cumprimento do contrato temporal, a partir da data da transformación do contrato temporal en indefinido.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses que faltan por cumprir do contrato temporal. A contía resultante descontarase do importe total da subvención que corresponde á transformación, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a transformación do contrato en indefinido non será computado para efectos da compensación, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

c) Non se incentivará a transformación dos contratos temporais en indefinidos sempre que transcorresen máis de 24 meses desde a súa celebración inicial, agás aquelas modalidades temporais cuxa normativa permita unha duración superior a este prazo, computándose todas as modalidades contractuais celebradas sen ruptura de continuidade.

4. No caso do incremento da xornada laboral do contrato de traballo:

a) A modalidade contractual inicial deberá ser de carácter indefinido a tempo parcial.

b) O incremento subvencionable deberá supoñer o 100 % da xornada ordinaria ou a establecida no convenio colectivo de aplicación.

5. As contratacións polas cales se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 22. Contías dos incentivos

1. As contratacións indefinidas iniciais realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de 12.000 euros por cada muller desempregada contratada, sempre que cumpra os requisitos mencionados no artigo 21.

No caso de contratacións indefinidas iniciais na modalidade de fixos-descontinuos, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo.

2. As contratacións temporais cunha duración mínima inicial de 12 meses realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de 6.000 euros por cada muller desempregada, sempre que cumpra os requisitos mencionados no artigo 21.

3. As contías establecidas nos puntos 1 e 2 incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, acumulables entre si:

– No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

– Se a muller contratada é unha emigrante retornada.

– Se a muller contratada é maior de 45 anos.

– Se é unha empresa con máis de 50 persoas traballadoras e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70 %.

– Se a actividade da entidade solicitante pertence ao ámbito de sectores estratéxicos.

Aplicarase a subvención polos incrementos indicados pola persoa ou entidade solicitante; en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude.

4. A transformación de contratos temporais en indefinidos a tempo completo incentivarase cunha contía de 4.000 euros; neste caso non serán aplicables os incrementos establecidos no punto anterior.

No caso de transformacións de contratos temporais en indefinidos na modalidade de fixos-descontinuos, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo.

5. O incremento da xornada laboral dun contrato indefinido a tempo parcial a un contrato indefinido a tempo completo incentivarase cunha contía de 2.000 euros; neste caso non serán aplicables os incrementos establecidos no punto 3.

Artigo 23. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados neste programa:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadoras, para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con ela, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de remuda ou de substitución por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo cal se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 24. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I-A) a seguinte documentación:

a) Poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente aos tres meses anteriores ao mes en que se realiza a contratación inicial, a transformación do contrato temporal en indefinido ou incremento da xornada laboral (desagregado mes a mes), máis o do correspondente ao do mes en que se realiza a dita contratación, transformación ou incremento.

c) Declaración do cadro de persoal neto e fixo de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao inicio da relación laboral da traballadora contratada (anexo I-B).

De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 21 da orde de convocatoria.

d) Declaración do cadro de persoal neto de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao inicio da contratación temporal por unha duración mínima inicial de doce meses (anexo I-C).

De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 21 da convocatoria.

e) Relación nominal das traballadoras polas cales se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais de vinte e catro mensualidades para as contratacións indefinidas iniciais e os custos totais de doce mensualidades no caso das contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses, de cada traballadora pola cal se solicita subvención (anexo I-D) e a nómina do mes de contratación.

f) Comprobación de datos da persoa traballadora contratada debidamente cuberto e asinado (anexo I-E).

g) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da traballadora contratada, e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vinculo con esta, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornada.

h) Certificado de emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornada.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse de forma electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 25. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante, de ser o caso.

c) DNI ou NIE da muller traballadora contratada.

d) Certificado da persoa ou entidade solicitante de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado da persoa ou entidade solicitante de estar ao día das súas obrigas coa Administración tributaria de Galicia.

f) Certificado da persoa ou entidade solicitante de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de empadronamento da muller traballadora contratada no caso de solicitar o incremento de emigrante retornada.

h) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da muller traballadora contratada.

i) Informe da vida laboral da muller traballadora contratada.

j) Contrato laboral da muller traballadora.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no recadro indicado no formulario de solicitude, como figura no anexo I-A e no anexo I-E, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 26. Xustificación, pagamentos e informe final

1. O pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo establecido na resolución de concesión e, en todo caso, ata o 30 de decembro de 2020. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

2. A documentación que hai que presentar é a seguinte:

Declaración complementaria da presentada coa solicitude, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo I-F).

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

1. Para as contratacións indefinidas iniciais son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

a) Manter no seu cadro de persoal a traballadora contratada durante un período de dous anos contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha traballadora pola cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha traballadora desempregada pola cal se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

b) Manter en cómputo anual o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal durante polo menos 2 anos, que se contarán desde a data de realización da contratación.

c) Unha vez finalizado o período dos dous anos do cumprimento destas obrigas, corresponderá á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa. Para iso, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, unha declaración da media do persoal traballador fixo no conxunto dos centros de traballo en Galicia do período de 12 meses contados desde o mes seguinte ao da realización das contratacións subvencionadas.

Esta declaración deberá presentarse de cada un dos dous anos seguintes ao mes en que se realizou a contratación subvencionada. A estas declaracións xuntarase o informe de vida laboral dun código conta de cotización expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social das 24 mensualidades.

Ademais, o beneficiario está obrigado a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, as nóminas das 24 mensualidades correspondentes a cada persoa traballadora.

2. Para as transformacións de contratos temporais en indefinidos son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

a) Manter no seu cadro de persoal a traballadora contratada durante un período de dous anos contado desde a data de realización da transformación do contrato temporal en indefinido.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha traballadora pola cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha traballadora desempregada pola cal se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

b) Manter en cómputo anual o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal durante polo menos dous anos, que se contarán desde a data de realización da transformación do contrato temporal en indefinido.

c) Unha vez finalizado o período dos dous anos do cumprimento destas obrigas, corresponderá á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa. Para iso, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, unha declaración da media do persoal traballador fixo no conxunto dos centros de traballo en Galicia do período de 12 meses contados desde o mes seguinte ao da realización das transformacións subvencionadas.

Esta declaración deberá presentarse de cada un dos dous anos seguintes ao mes en que se realizou a transformación subvencionada. A estas declaracións xuntarase o informe de vida laboral dun código conta de cotización expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social das 24 mensualidades.

3. Para as contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

a) Manter no seu cadro de persoal a traballadora contratada durante un período mínimo dun ano contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha traballadora pola cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación realizada cunha traballadora desempregada pola cal se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

b) Unha vez finalizado o período dun ano do cumprimento destas obrigas, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes, as nóminas correspondentes aos 12 primeiros meses da contratación.

Corresponderalle á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e o seguimento deste programa.

4. No caso do incentivo polo incremento da xornada, a entidade beneficiaria deberá manter a nova xornada da muller traballadora durante un período mínimo de dous anos.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha traballadora pola cal se concedeu esta subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a reintegrar a subvención concedida.

Artigo 28. Incumprimento de obrigas e reintegro

Procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Para as contratacións indefinidas iniciais e as transformacións de contratos temporais en indefinidos:

a) Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 27.1.a) e 27.2.a) desta orde, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo, procederá o reintegro da axuda concedida pola traballadora de que se trate.

Neste suposto, hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da traballadora que causou baixa, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

a.1) Se se efectuou a substitución, pero esta non se fixo no prazo anteriormente indicado.

O cálculo da contía que se debe reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre vinte e catro meses a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivo vacante.

a.2) Se se efectuou a substitución, pero esta non se fixo cunha nova traballadora pertencente a algún dos colectivos de beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación e o cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que correspondería en función do colectivo da traballadora substituta, e divídese tamén entre vinte e catro meses.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que falten ata cumprir os vinte e catro, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses en que a subvención sería inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

b) Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 27.1.b) e 27.2.b) desta orde, procederá o reintegro da axuda . Para o cálculo da contía que se reintegrará terase en conta a contía mínima da subvención concedida á empresa por cada persoa traballadora subvencionada , sendo esta contía a que se aplicará por cada un dos empregos diminuídos, ata o tope da contía concedida.

2. Para as contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 27.3.a) desta orde por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo, procederá o reintegro da axuda concedida pola traballadora de que se trate.

Hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da traballadora que causou baixa, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

Se se efectuou a substitución, pero esta non se fixo no prazo anteriormente indicado.

O cálculo da contía que se debe reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre doce meses a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivo vacante.

Se se efectuou a substitución, pero esta non se fixo cunha nova traballadora pola cal se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación e o cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre doce meses o importe concedido pola traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que correspondería en función da situación da traballadora, e divídese tamén entre doce meses.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que falten ata cumprir os doce, o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumplimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

3. No suposto de extinción da relación laboral dalgunha traballadora pola cal se concedeu a subvención de incremento da xornada, a entidade beneficiaria está obrigada a reintegrar parcialmente a subvención concedida.

O cálculo da contía que se debe reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre vinte e catro meses a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, e multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivo vacante.

CAPÍTULO III

Programa de bonos de formación. Programa de financiamento
de accións formativas no centro de traballo

Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos

1. As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A muller traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar no capítulo II.

b) En canto á duración da acción formativa, será dun mínimo de 70 horas no caso dos contratos indefinidos iniciais e dunha duración mínima de 50 horas no caso dos contratos temporais, de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a muller traballadora que participa neste programa.

c) Exclúese deste tipo de axuda a formación nas modalidades de teleformación e a distancia.

d) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e deberá estar finalizada o 30 de novembro de 2020.

e) Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e a data de publicación desta orde a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

2. Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 30. Lugar de impartición das accións formativas

As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou por medio da súa contratación e poderán realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación.

A acción formativa terá lugar dentro da xornada laboral establecida no dito contrato.

Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións da percepción

Esta formación incentivarase, no caso das contratacións indefinidas inicias, cunha axuda de 4.000 euros por cada muller traballadora dada de alta nun contrato indefinido e de 2.000 euros por cada muller contratada por medio dun contrato temporal cunha duración inicial mínima de doce meses e sempre que en ambos os casos cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 32. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión e, en todo caso, ata o 30 de decembro de 2020. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da documentación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

2. A documentación que hai que presentar é a seguinte:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude (anexo I-F).

b) Documento acreditativo de que a solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa xustificativa do bono de formación que se realizou coa solicitude desta axuda. No suposto de que non haxa representantes legais, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa.

c) Copia dos partes de asistencia asinados pola persoa titora e a traballadora por cada sesión diaria de formación.

d) Informe de aproveitamento asinado pola persoa titora e a traballadora en que se detalle:

– Os contidos das accións formativas na empresa.

– Programa de actividades e servizos que a empresa puxese á disposición da formanda para familiarizarse coa empresa.

– Os seus coñecementos e habilidades melloradas.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 33. Incumprimento de obrigas e reintegro

No caso de que a muller traballadora pola cal se solicita a axuda establecida no bono de formación cause baixa na empresa, se esta non recibiu as horas de formación establecidas no artigo 29.1.b) na súa totalidade, a entidade beneficiaria non terá dereito a percibir esta axuda.

No caso de que a muller traballadora que causou baixa fose substituída por outra traballadora que cumprise as mesmas condicións que a anterior, a entidade beneficiaria poderá percibir a axuda establecida no bono de formación no caso de que que esta nova traballadora reciba a formación na súa totalidade segundo o artigo 29.1.b).

Esta axuda percibirase por unha soa muller traballadora formada.

En todo caso, as accións formativas deberán executarse, no referente aos prazos, segundo o establecido no artigo 29 desta orde de convocatoria.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria nos xefes e xefas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional terceira. Información sobre a xestión de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file